Tipos de datos de situación usados por Google

É posible que se utilicen tipos diferentes de información de situación en varios produtos de Google.

A información implícita de situación constitúe unha información que non nos indica onde se atopa o dispositivo, pero que nos permite saber que o usuario está interesado nese lugar ou que se atopa nel. Un exemplo de información implícita de situación sería unha consulta de busca dun lugar determinado escrita manualmente. Este tipo de información utilízase de diferentes maneiras. Por exemplo, se o usuario escribe "Catedral de Santiago", podemos pensar que está interesado en obter información de lugares preto de Santiago de Compostela, polo que se pode utilizar a información para recomendar lugares nesa zona.

A información sobre o tráfico da Internet, como o enderezo IP, asígnase polo xeral por bloques baseados en países. Deste xeito, pódese utilizar para identificar, como mínimo, o país do dispositivo, así como para proporcionar o idioma e a configuración rexional correctos para as consultas de busca. Esta información envíase como unha parte habitual do tráfico da Internet.

Determinados produtos, como a navegación paso a paso en Google Maps para móbil, usan información de situación máis precisa. Normalmente, para estes produtos, deberás activar os servizos de situación baseados en dispositivos (servizos que usan información como os sinais GPS, os sensores do dispositivo, os punto de acceso á wifi e os ID de antenas de telefonía móbil que se poden usar para calcular ou determinar a situación exacta). Posteriormente, pódense desactivar os servizos de situación baseados en dispositivos. É posible que algúns dispositivos ou aplicacións presenten axustes de control de situación adicionais para estes servizos de situación baseados en dispositivos. Por exemplo, nalgúns produtos é posible escoller entre almacenar as situacións no produto ou no historial da conta.