Como utiliza Google o recoñecemento de patróns

Como utiliza Google o recoñecemento de patróns para interpretar as imaxes

Os ordenadores non "ven" as fotos e os vídeos do mesmo xeito que as persoas. Cando unha persoa mira unha foto ou un vídeo, pode ver a súa mellor amiga de pé diante da súa casa. Desde o punto de vista dun ordenador, esa imaxe non é máis que unha morea de datos que pode interpretar como formas e información sobre valores de cores. Un ordenador non reaccionará como unha persoa cando ve unha foto, pero é posible preparalo para recoñecer patróns de formas e cores determinados. Por exemplo, é posible preparar un ordenador para que recoñeza os patróns comúns das formas e as cores que compoñen a imaxe dixital dunha cara. Este proceso coñécese como detección facial e é a tecnoloxía que axuda a Google a protexer a privacidade das persoas en servizos como Street View, onde os ordenadores tratan de detectar as caras, que despois difuminan, das persoas que están na rúa cando pasa o coche de Street View. Tamén axuda a servizos como as fotos de Google+ para que se poidan etiquetar fotos e vídeos cando apareza unha cara neles. A detección facial non indica a quen pertencen as caras, pero pode axudar a encontralas nas fotos.

Se se avanza un pouco máis, a mesma tecnoloxía de recoñecemento de patróns que está detrás da detección facial pode axudar a que un ordenador entenda as características da cara detectada. Por exemplo, pode haber determinados patróns que suxiran que unha cara ten barba ou lentes, ou que presenta atributos que se lle parecen. Este tipo de información pode axudar a funcións como a corrección de ollos vermellos ou pode contribuír aos Hangouts, por exemplo, colocando un bigote ou un monóculo no lugar axeitado da cara.

Google usa o recoñecemento facial en determinadas funcións, ademais da tecnoloxía de detección facial. O recoñecemento facial, como o seu propio nome indica, pode axudar a un ordenador a comparar caras coñecidas cunha cara nova para ver se hai unha coincidencia probable ou un parecido. Por exemplo, o recoñecemento facial axuda aos usuarios da función Recoñéceme a ver suxestións acerca das persoas que poden etiquetar nunha foto ou vídeo que subiron e que queren compartir. Consulta máis información acerca da función Recoñéceme no Centro de axuda de Google+.

Como funciona a Busca de voz

A Busca de voz permite proporcionar unha consulta de voz para unha aplicación cliente da busca de Google nun dispositivo, en lugar de ter que escribir a consulta. Utiliza o recoñecemento de patróns para converter palabras faladas en texto escrito. Para cada consulta de voz que se fai na Busca de voz, almacénase o idioma, o país, a declaración e a interpretación do noso sistema sobre o que se dixo. Os datos de audio almacenados non conteñen o ID da conta de Google do usuario, excepto se se selecciona o contrario. Non se envían declaracións a Google, excepto se se indica un intento de usar a función Busca de voz (por exemplo, premendo a icona do micrófono na barra de busca rápida, no teclado virtual ou dicindo "Google" cando a barra de busca rápida indica que a función Busca de voz está dispoñible). Envíanse as declaracións aos servidores de Google para identificar o que se dixo. Conservámolas para mellorar os nosos servizos, por exemplo, para preparar o sistema a fin de que recoñeza mellor a consulta de busca correcta.